Concello de Parada de Sil

Cruceiros

Os cruceiros están considerados como unha das manifestacións máis xenuínas da arquitectura popular galega e a súa orixe remontase segundo algúns autores á época prehistórica en lugares nos que existían menhires, e que logo, coa chegada do cristianismo deixaron constancia da súa existencia pero baixo formas cristianizadas. Aseméllanse, pero o certo é que non é doado encontrar un igual. A súa presencia nos camiños e lugares sagrados esténdese por toda a nosa xeografía.

Os cruceiros son cruces de pedra que se colocan en lugares como son os cruces de camiños, adros de igrexas, ermidas, ou incluso en entradas a cemiterios, sempre en relación con lugares de culto. Tamén se fala algunhas veces de cruceiros ó referirse ás cruces do viacrucis. Estas cruces adoitan alzarse sobre unha plataforma con banzos que é común en Galicia e Irlanda, se ben na nosa comunidade autónoma tamén existen exemplares de cruceiros sen eles.

O cruceiro é polo tanto un obxecto sagrado, e o lugar onde está emprazado, un espacio tamén sagrado. Se partimos desta concepción non nos poden estraña-las prácticas e costumes diversas que a el se vencellan, coma as ofrendas en petición dalgunha gracia ou coma testemuña de agradecemento por algún favor recibo, paradas de enterros ou procesións... E coma consecuencia destes factores o cruceiro é obxecto de devoción e respecto, e non só un monumento que sinala o límite de parroquias ou concellos.

"Canta a pedra, durmida e acochada, 
da terra nai no garimoso seo, 
esperta do seu sono milenario 
e quer ser oración e pensamento, 
frorece nun varal, estendo os brazos, 
e póndose de pé faise cruceiro"


                          (Ramón Cabanillas) 

 

Cruceiros de Parada de Sil
Forcas, Parada de Sil, A Hedrada, Caxide.