Domingo, 13 Agosto 2017 09:25

ROBERTO GONZÁLEZ, DE BARBADÁS, E O ZARAGOZANO JULIO LÓPEZ, GAÑADORES DO CONCURSO FOTOGRÁFICO DE PARADA DE SIL

Roberto González Fernández, de Parada de Piñor, no concello de Barbadás, foi declarado vencedor da décima edición do concurso fotográfico  Rosa Pons Fábrega “Visións de Parada de Sil”, dotado con 800 euros, coa fotografía “Outra Mirada”, feita no miradoiro de Triguás e na que aparece a capela e o seu entorno así como unha espectacular vista celeste cunha choiva de perseidas. En segundo lugar quedou clasificada a fotografía “Belleza convulsiva que invita al misterio”, de Rosa Villar Pumar, de Vilariñofrío, e a quen corresponderán 300 euros.

Na categoría libre, dotada con 700 euros de premio, resultou gañador Julio López Morata, de Zaragoza, coa obra “Acechada”, feita nun marco estepario na que aparecen unha casa en ruinas, cunha xove nua de costas na porta, observada dende o ángulo contrario por cinco buitres. En segundo lugar e con 200 euros de recompensa, quedou a fotografía titulada “Invierno”, de Pablo Pérez Herrero, de Urretxu (Guipúzcoa), que ofrece o discurrir dun regato por unha montaña rodeada dun branco manto de neve.

O certame foi convocado polo concello e patrocinado polo filántropo Camilo Yáñez Pons, fillo de Rosa Pons, mestra de Parada durante moitos anos e que deixou unha profunda pegada entre a veciñanza. Presentáronse mais de 60 traballos, segundo anunciou a alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome, que se amosou satisfeita pola acollida que ten logrado o certame entre os aficionados, e que confirma a sua total consolidación. A rexidora suliñou a calidade dos traballos participantes e, nomeadamente, os gañadores, “que presentaron unhas obras que amosan entornos de gran beleza, ademais dunha depurada técnica por parte dos autores”.

O xurado estuvo formado polo fotoxornalista Santi M. Amil e polo editor e xornalista Pepe Arias. Xosé Antón Vázquez, presidente da Agrupación Cultural Ouro do Sil, exerceu de secretario con voz pero sen voto.

A entrega de premios terá lugar o próximo 23 de agosto a partires das 19,30 horas no salón de actos do concello de Parada.

"Outra Mirada" de Roberto González Fernández

"Acechada" de Julio López Morata

 
Vostede está aquí: Home