.
Sábado, 03 Febreiro 2018 11:00

EXCEPCIONAL ACOLLIDA Á XORNADA DE PARADA EN “XANTAR”

O concello de Parada conseguiu centrar a atención das actividades paralelas no certame gastronómico Xantar, que reúne a expertos de Galicia e norte de Portugal, pero tamén de outros lugares, como Panamá ou México, que tamén están presentes. A alcaldesa, Yolanda Jácome, amosouse satisfeita, por entender que “conseguimos os obxectivos plantexados, que eran os de espallar a mensaxe promocional de Parada a base de divulgar as suas virtudes, pero tamén as iniciativas que alí se levan a cabo”.

Jácome ademáis de suliñar a ubicación privilexiada de Parada de Sil, “en pleno corazón da Ribeira Sacra”, un concello “cheo de ilusión, que aproveita este marco inigualable para facerse ver”. Referiuse ó mosteiro de Santa Cristina como “reclamo principal na atracción de visitantes” engadindo que “alí agardamos poder levar a cabo proxectos importantes en colaboración coa Xunta, Deputación e Bispado, que van dende catas arqueolóxicas para recuperar a memoria, ata a posible monitorización do mesmo e unha visita virtual que, sen dúbida, incrementará os máis de 40.000 visitantes anuales”.

A alcaldesa tamén fixo fincapé ó disco gravado no mosteiro cos concertos levados a cabo no ciclo Sons da Pedra, iniciativas que deron lugar a un documental de extraordinaria beleza, denominado “Alma/Arte, legado e medio ambiente”, que “recrea a capacidade do mosteiro de Santa Cristina e o seu entorno como enclave ecocultural”. Trátase dunha iniciativa privada promovida polo selo Wapapura e Ecos da Pedra respaldada polo concello de Parada de Sil e o Programa Leader.

Yolanda Jácome deu conta dos resultados da xestión municipal, como a declaración por parte da Xunta en 2015, como concello de interese turístico, a sinalización das rutas de sendeirismo con acceso ás novas tecnoloxías como código QR e antenas NFC, a dotación de wifi libre nos puntos máis visitados do concello, ou a atención cada vez máis frecuente que Parada recibe dos medios de comunicación de ámbito estatal.

Pola sua banda, o stand de Parada promociona en Xantar os produtos típicos e xenuinos do concello, como os viños mencía e godello, o chocolate da Casa Museo do Chocolate de Teimende, a castaña e o licor café, este último, premio da Fundación Lusogalaica ó mellor licor café artesán de Galicia, así como o disco “Sons da Terra”.

Vostede está aquí: Home Máis novas e eventos Novas EXCEPCIONAL ACOLLIDA Á XORNADA DE PARADA EN “XANTAR”