Concello de Parada de Sil

Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

O mosteiro beneditino de Santa Cristina de Ribas de Sil, encravado nunha espectacular e grandiosa paraxe á beira do río Sil, no castañal de Merilán, por debaixo do monte Varona, constitúe un dos grandes encantos monumentais e espirituais da Ribeira Sacra, de máximo interese dende o punto de vista artístico e arquitectónico.

As orixes da comunidade monástica de Santa Cristina son imprecisas. Como noutros centros monásticos fundados ao abeiro das encaixadas ribeiras do curso final do río Sil, salpicadas de restos de antigos asentamentos relixiosos de carácter ascético, posiblemente foi considerado inicialmente como un centro eremítico, transformándose posteriormente nun cenobio.

 

Aínda que non perviva ningún vestixio arquitectónico ou epigráfico do edificio orixinal, quedan testemuños certos da presenza do mosteiro en época prerrománica, datando as primeiras mencións documentais de finais do século X.

O couto xurisdicional do Mosteiro de Santa Cristina, chegaba ata a cume de Cabeza de Medo, con dominio sobre un amplo tramo do río Sil.
As características propias do espazo xeográfico do dominio condicionaron as bases económicas e os fundamentos da vida material do mosteiro; a altitude e o escarpado de moitos dos seus terreos, no aptos para un óptimo desenvolvemento da agricultura, serían compensados coa explotación de espazos incultos dedicados a produtos distintos, como a vide ou os castiñeiros (que aínda hoxe configuran a incomparable paisaxe do ámbito monástico) así como co aproveitamento dos ricos
recursos fluviais.

 

 

 

A mención na documentación medieval da existencia de numerosas granxas e centros de recolección das colleitas, onde se recibían todas as rendas e décimos, evidencian a bonanza económica do mosteiro, que se inicia no século XII coas cartas de aforamento de cesión de terras e propiedades ao campesiñado a cambio do pagamento de rendas, ao tempo que o mosteiro recibe a concesión de importantes privilexios reais e a protección papal.

Co transcurso da Historia, e despois de séculos de decadencia, en 1508 o mosteiro de Santa Cristina pasa a depender, en calidade de priorado, do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, circunstancia determinante do seu declive, que será definitivo no século XIX coa Desamortización e o seu paso ás mans de particulares que o destinan a granxa de labor. A fábrica monástica de Santa Cristina de Ribas de Sil está formada polo templo románico e unha serie de dependencias distribuídas en dos
corredores cubertos. A igrexa do mosteiro, representativa da evolución dás tendencias e cambios estilísticos que se dan cita nos últimos anos do século XII e principios do século XIII, constitúe un magnífico expoñente do esplendor arquitectónico do románico galego e da importancia do labor escultórico dos mestres medievais que traballaron na súa fábrica.

 

Presenta unha nave única,con cruceiro destacado e tres ábsidas semicirculares no testeiro. O primitivo corpo románico da nave (probablemente destruído) foi substituído por unha nave máis estreita no primeiro terzo do século XIII, o que xustifica ou cambio de estilo cara ao gótico.

A torre do campanario da igrexa conforma un elemento arquitectónico de singular interese, e resulta absolutamente excepcional nas construcións do protogótico galego pola súa situación integrada na cuberta norte do claustro. Á imaxinaría conservada destacan, tanto un talle manierista do apóstolo San Pedro, de finais do século XVI, como os retablos barrocos que evidencian a prosperidade do templo no século XVIII.

 

En canto ás dependencias monasteriais de Santa Cristina de Ribas de Sil, estas conforman coa igrexa a típica disposición beneditina en ángulo recto, pervivindo a primitiva portada románica que hoxe serve de entrada ao claustro. Os espazos medievais do mosteiro constituídos por un claustro que comunicaba as distintas estanzas comúns, desapareceron en época moderna, como parte da reforma do edificio emprendida no século XVI, tras a súa incorporación a Santo Estevo, foron substituídos por dous funcionais corredores cubertos e dispostos en ángulos sen pechar.

 

Na dependencia anexa á igrexa, habilitada para sancristía, consérvanse pinturas murais do século XVIII, coa representación do escudo de Santo Estevo, que se suman ás do interior da igrexa, de notorio sabor popular. O Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, preserva unha gran importancia monumental, que determinou a decisión de outorgarlle a categoría de ben de interese cultural, por tratarse dun dos inmobles máis destacados do patrimonio cultural de Galicia, 1 de Outubro de 2008.

 

Guía en PDF

Galego  Castelan English

Vista Panorámica . Faga click na imáxe.


 

¿No puede ver la imagen panorámica? Debe instalar el archivo Java.
Descargue de aquí el programa Java
: www.sun.com