Concello de Parada de Sil

Necrópole de San Vitor

Todo garda silencio. O monte, as pedras, o baleirado das cabezas. A historia dormita ata que alguén a desperta e lle pregunta e daquela o pasado adorna un recanto sumido na fraga. Xa non está a ferramenta que modelou os penedos. Quedan os camiños para outros pés, xunto á pegada da primeira espirtualidade dunha terra que aínda non a perdeu de todo. Pese ao abandono, pese ao paso do tempo, en San Vitor unha necrópole e os cimentos dunha capela atravesan mil anos de historia humana e aparecen de novo ante nós sen os seus habitantes, sen os seus modos de vida e de morte. Quédanos a paisaxe, os camiños, as pegadas que o cincel traballou na rocha. Quédannos as preguntas e os misterios que preocuparon a quen aquí enterrou aos seus semellantes.

 

Convidámoste a descubrir o xacemento arqueolóxico de San Vitor

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Video de San Vitor

Requires a more recent version of the Adobe Flash Player. If you are using a browser with JavaScript disabled please enable it now. Otherwise, please update your version of the free Flash Player by downloading here.

O xacemento a fondo

A cabalo entre dúas abas de forte pendente, a aldea de San Lourenzo é unha testemuña da continuidade na ocupación e o laboreo destas terras.

O medio está tan humanizado que resulta difícil imaxinalo doutra maneira, pero de certo que cada anaco de terra cultivable foi transformada con paredes de pedra, nun labor minucioso durante séculos, da que resultan os socalcos característicos da "Ribeira Sacra" (localmente chamados "pataos"). Os camiños na aldea son estreitos (carriozas pensadas para o traballo intensivo da ribeira), aínda que o camiño de acceso a San Vitor é algo máis ancho. Foi este un camiño que tivo gran importancia na  Idade Media. Non resulta difícil imaxinar que o val que forma o Río Mao foi a vía natural de acceso á ribeira desde as planicies da serra de Queixa. Arriba, na serra, o mosteiro cisterciense de Montederramo, modelo de xestión económica medieval. Entre as carriozas da ribeira, as rendas en viño e castañas, produtos, daquela,  de primeira necesidade. Queda en pé o edificio do antigo convento de San Adrián, e dous topónimos suxestivos, San Miguel e San Salvador, nas inmediacións.

Do que foi este lugar no pasado, queda un grande penedo sobre o que se asentaba a capela de San Vitor. Aos seus pés, a explanada onde as escavacións arqueolóxicas descobren unha necrópole de tumbas antropomorfas con ocupación datada entre os séculos IX e XI. Do que foi o culto en San Vitor existen poucas certezas.
A principios do século XX, o lugar volve ser importante por outras razóns: nun dos primeiros aproveitamentos hidroeléctricos da zona constrúese a vella "Fábrica da Luz", un edificio que foi rehabilitado recentemente. É unha obra de enxeñería civil que depende do esforzo e a colaboración de moitos traballadores.... e de animais de tiro. Constrúese a canle, o tubo de carga ( que pode verse nas inmediacións de San Vitor), e cómpren novos camiños, como o que une hoxe a necrópole co camiño medieval de San Lourenzo a Forcas. O penedo onde se asentaba a capela escóllese para a colocación dunha torreta que habería de levar a produción eléctrica cara ás redes de distribución. A torreta, que deixou un enorme burato no que foi o recinto da capela, foi retirada en 2010, o primeiro ano de traballos arqueolóxicos neste xacemento.

A necrópole

Na necrópole que resulta visible en 2011 distínguense claramente dous sectores, que se denominaron sector inferior norte y sector superior sur. No sector superior, as tumbas aproveitan a disposición da rocha, mentres que no sector inferior houbo unha preparación previa do terreo achandando a superficie onde despois foron escavadas as sepulturas, parece que de xeito máis ordenado e sistemático.

As tumbas oriéntanse en dirección leste-oeste (os pés cara o leste, como se os defuntos puideran recibir a luz da saída do sol), aínda que todas elas presentan un lixeiro desvío. No sector superior sur, as tumbas dispóñense en forma de abano pola adaptación á forma natural da rocha, sendo eses desvíos maiores.

Sector inferior Norte

Neste sector consérvanse algunhas das tampas orixinais, e poden verse ao redor das sepulturas os encaixes previos feitos na rocha para asentar a cubrición. O defunto colocábase envolto nun sudario, posiblemente cunha cobertura de terra, e a continuación as laxas colocadas transversalmente. Unha delas conservaba o túmulo orixinal de terra que selaba as laxas.

Destaca tamén unha sepultura de gran lonxitude, acadando os 2.5 m, que se explica por ter sido agrandada canda escavación dunha tumba sobre outra, nunha superposición de estruturas, coincidindo os pés da segunda sobre a cabeza da primeira, que se aliñaba perfectamente coas tumbas veciñas. Esta ampliación obsérvase cun leve cambio de inflexión na orientación das paredes, xusto na liña de cabeza da tumba máis antiga. Para que esa superposición fose posible a primeira tumba tería que ter sido esquecida, ou pertencer á mesma familia, aínda que nestes casos o costume era arrastrar os ósos aos pés da sepultura para deixar sitio para o novo inquilino, feito demostrado coa presenza do osario "tipo San Vitor", na sepultura da sondaxe central da explanada (hoxe non visible).

Sector superior sur

Este sector presenta unha organización diferente ao inferior, coas sepulturas dispostas en abano ao redor da rocha. As máis claras son as da aliñación central, todas ben escavadas, incluso algunha de fondura considerable. Nas situadas máis ao sur, cun desvío na orientación máis considerable, apréciase unha leve regularización previa do terreo, ademais da escavación dunha canle ao redor doutras dúas. Esta canle puidera ser para forzar a circulación da auga por ela, evitando a súa entrada nas tumbas, ou ben para indicar unha agrupación de tumbas dentro da necrópole.
A primeira aliñación, contra a peneda, parece máis descoidada. A terceira, máis ao leste, están todas incompletas, tal vez pola erosión da rocha; aínda que non  descartamos a existencia de elementos construtivos que completaran os pés das tumbas. Tamén se detectaron uns rebaixes elípticos, claramente asociados con algunhas das tumbas, aínda que de función descoñecida.
Nalgunhas tumbas vense claramente os rebaixes perimetrais para encaixe das tampas, aínda que non se conserva ningunha neste sector, e outros pequenos rebaixes laterais interpretados como cavidades para encaixe de pequenas trabes para asento daquelas.

A capela

No outro lado da explanada, contra a ladeira de extrema pendente cara o Mao, elévase unha grande rocha. Obsérvase nesta como a superficie superior é completamente chaira. Sobre a mesma situábase antigamente a capela de San Vitor, da que hai noticias de que as derradeiras ruínas foron abatidas a mediados do século XIX. O seu culto debeu morrer moito antes, conservándose só no imaxinario popular a través de lendas e contos.
O acceso á parte superior realízase polo sur, por onde antigamente había uns chanzos de pedra que facilitaban a subida. A media altura, dando un quebro, chégase ao corredor de acceso, labrado na peneda, que debeu estar cuberto por laxas. Por el ascenden uns chanzos escavados tamén na rocha (a escaleiriña de cachotes foi colocada cando a escavación arqueolóxica para facilitar o tránsito de visitantes, ao igual que a plataforma térrea na que se xira e o reenchido de grava das fendas).
Ao final dos chanzos, tanto cara o norte como cara o Oeste, cara onde parte outra escaleira, obsérvanse uns couzóns, que indican a presenza de portas de follas abatibles.
Xa na parte superior da peneda obsérvase unha superficie moi chaira, repicada artificialmente. Observando en detalle vense as marcas dos alicerces da capela, que foron destruídas parcialmente polo grande burato central escavado para a colocación da torreta do tendido eléctrico procedente da vella Fábrica da Luz (ladeira arriba aínda se observan outros postes semellantes ao que aquí había). A capela non debía de medir máis de 12m2.
Ao redor da peneda obsérvanse tamén catro sepulturas, dúas delas só iniciadas, pero outra de gran nitidez. A máis próxima as escaleiras axúdanos a delimitar a capela por este sector, xa que non temos indicios de que se superpuxese sobre esta.
Colgada no extremo norte da peneda está outra sepultura, en lugar preferente. Esta preferencia ven dada pola clara intencionalidade da súa construción neste punto concreto, levando a cabo un reenchido con cachotes entre dúas penas (visible pola parte inferior), sobre o que pechaba a capela (aínda se ven as pedras que marcan a aliñación do muro de peche norte), incorporando a tumba no seu interior. Diferénciase das outras tumbas tamén por ser a única construída con laxas, procurando certo antropomorfismo. Entre as laxas distínguense pezas arquitectónicas reaproveitadas.
A presenza destas pezas está a probar a existencia dunha construción anterior no sitio, cuxos restos foron aproveitados na tumba. Aquela construción ten que ser, porén, moi anterior á construción da propia capela.
Polos muros de contención da explanada e polos dos arredores téñense localizado outras pezas arquitectónicas pertencentes a antigas construcións de gran categoría, a xulgar polas dimensións das mesmas.
Cara á explanada do xacemento e a necrópole ábrese, dende a parte superior da peneda, un balcón, cuxa función non deixa de ser unha incógnita, dando pé a moitas especulacións acerca dos antigos ritos cristiáns aquí practicados.

O contorno e o control do río

Tendo datada a necrópole entre os século IX e XI, a presenza de materiais máis antigos (como tégula de época ou tradición romana e algunha cerámica engobada) e máis modernos (como as moedas dos séculos XIII ao XV), lévanos a abrir o abano temporal do xacemento.
É moi probable que existira, antes da construción da necrópole, algún tipo de construción en época romana. Sería moi factible que neste punto houbera habido unha especie de atalaia para o control do paso polo Mao, tendo en conta que o camiño principal de acceso á ribeira era por aquí.  Un miliario atopado en Graña de Seoane, dous perpiaños almofadados atopados en Ivil e San Lourenzo, un muíño manual atopado na Cal de Abaixo (Sacardebois) e a localización dun xacemento romano en Chandrexa, así como a presenza da Pena do Castelo (Cristosende) xusto enfronte ao San Vitor, apoian esta teoría.
Este camiño debeu ter continuidade na Idade Media, coa construción da ponte das Conceliñas, documentándose o paso por estas terras cara o Sil.
A tradición local di que era este o camiño principal en tempos, antes da construción das estradas actuais.
Incluso restos da Idade do Bronce localizados no contorno próximo suxiren unha zona de tránsito importante polo val do Mao.
As moedas de ata o século XV dilatan no tempo a ocupación do xacemento. No contexto no que estas apareceron non permiten falar da continuidade da necrópole, pero tal vez si da capela, que puidera ter seguido co culto a San Vitor.
A presenza de cerámica de mesa e de cociña de época medieval, ademais de pesos de tear (pondus), de rede (poutadas) e algún muíño, fan pensar na presenza dun asentamento nun lugar próximo, que aínda non se localizou.
Á espera dos resultados químicos definitivos e do afondamento no material recuperado, pensamos que a necrópole debeu ser anterior á propia capela, asociada a un asentamento rural nas proximidades. Non sabemos se tería habido unha capela anterior de cando o inicio da necrópole, ou se esta se superpuxo sobre unhas ruínas anteriores de época tardo-antiga. O que si debemos ter claro é que a orixe de San Vitor nada ten que ver coa presenza de eremitas, nin cenobios, nin mosteiros, senón que se debe incluír dentro da dinámica de ocupación territorial alto-medieval, relacionada con comunidades rurais, previa á reorganización parroquial levada a cabo no século XII, na que parece que San Vitor quedou á marxe.