CASA DO CHOCOLATE

O chocolate e a familia Casares

Adéntrate no legado dos chocolateiros de Teimende.

A colección museográfica Casa do Chocolate de Teimende está formada polo legado dos mestres chocolateiros da familia Casares, que as herdeiras do último deles, Ricardo, cederon ao concello de Parada de Sil, quen posibilitou a rehabilitación deste espazo e a súa apertura ao público en 2015. Nel, os visitantes poden sentir a evocación dun oficio máxico e dunha actividade que, entre finais do século XIX e o ocaso do XX, foi referente nunha terra orfa de iniciativas socioeconómicas.

Todo empezou con Pedro Casares, a quen seguiu seu fillo Arturo e, a este, á súa vez, o seu fillo Ricardo, verdadeiro líder do proxecto durante máis de catro décadas ata a súa xubilación. A súa etapa viviu a maior transformación da fábrica, pasando da elaboración totalmente artesanal á incorporación de maquinaria movida por electricidade e da distribución a cabalo ata o vehículo a motor.

Foi o celo de Ricardo o que, anos despois, permitiu a reconstrución da aventura chocolateira de Teimende a través da maquinaria perfectamente conservada e da documentación, mantendo a fidelidade ao seu significado. Por iso, neste espazo é posible identificar o inconfundible arrecendo do chocolate xenuíno, elaborado baixo a fórmula da antiga fábrica, que tivo o seu mercado natural na Ribeira Sacra e nas zonas máis pretas pertencentes á provincia de Ourense.

  • Lola Casares (irmá de Arturo)
  • Toño (no colo), fillo de Lola Casares e José Manuel
  • Arturo Casares
    Lola Prieto
    Ricardo Casares
  • José Manuel (fillo de Lola Casares)
  • Agustina Casares
  • Rosa Casares (día do seu bautizo)
  • Loli Casares

Os inicios: Pedro Casares

Os inicios exactos son incertos, aínda que as primeiras experiencias da familia Casares como elaboradores de chocolate remóntanse a finais do século XIX.
Pedro Casares Rodríguez, pai de Arturo Casares e avó de Ricardo Casares (último chocolateiro). Entre 1880 e 1924 aparecen numerosos documentos que recollen unha importante actividade comercial de Pedro Casares con Astorga, por aquel entón destacado centro chocolateiro de ámbito estatal.
(Por exemplo, o 16 de outubro de 1888 Pedro Casares paga unha débeda do seu tío Agustín, cando este faleceu, por un importe de 510 reais, correspondente a xéneros mercador no comercio de Astorga).

Estas e outras operacións semellantes foron suscitando en Pedro un crecente interese polo mundo do chocolate. E así monta a primitiva fábrica artesanal.

A consolidación: Arturo Casares

A pesar da andaina anterior, a existencia oficial da fábrica data dos anos vinte do pasado século, xa baixo a xestión de Arturo. Tiña o número de inscrición 975 no Rexistro da Agrupación Nacional de Fabricantes de Chocolate.
A primeira referencia documentada é o pago da contribución industrial por parte de Arturo Casares Rodríguez pola actividade de fabricar chocolate en Teimende, recollida no libro do Rexistro do Concello de Parada de Sil do ano 1924.

Outra referencia á fábrica de Teimende aparece na visita que as alumnas da escola de Parada de Sil fixeron á fábrica de chocolate de Teimende o 3 de xuño de 1927, recollida no libro “Rosa Pons Fábregas, unha mestra europea en Parada de Sil. Conversas co seu fillo Camilo”, de Xosé Manuel Cid Fernández, doutor en pedagoxía social e profesor da Universidade de Vigo.

A etapa de Arturo á fronte da fábrica imprimiu unha nova impronta, sobre todo á hora de documentar a actividade empresarial, o que permitiu reconstruír non só o traballo da fábrica, senón tamén outros moitos aspectos da sociedade na que viviu.
O seu dinamismo e dedicación déronlle notable protagonismo no sector chocolateiro da época, ata o punto de ser representante do sector en Ourense durante dous anos, presentando logo a renuncia a continuar debido ao tempo que lle restaba para a súa empresa.

As primeiras máquinas desta fase de industrialización incipiente foron a tostadora (procedente da etapa de Pedro), a descascarilladora e unha refinadora. As dúas primeiras son manuais e consérvanse na Casa Museo; a refinadora era de tracción animal e constaba de tres cilindros que se utilizaban para desfacer os ingredientes e mesturalos. Para facilitar o labor da mestura poñíase un braseiro na parte inferior da máquina, co que se reducía a densidade da mercancía.

A modernización: Ricardo Casares


Unha quebra na saúde de Arturo a finais da década dos corenta levou a Ricardo a coller o timón da actividade chocolateira.

Mozo de gran curiosidade e inquedanza e chocolateiro vocacional, abordaría coa súa muller, Lola Prieto, o reto da modernización na elaboración do chocolate, que se concretou coa introdución da electricidade no proceso, ata entón totalmente manual.

Paralelamente, levado pola curiosidade de saber que se facía nas prazas chocolateiras importantes, descubriu conceptos tan novedosos no rural galego como a publicidade e o marketing, que introduciu de maneira pioneira no seu produto.

Así, incorporou letreiros, carteis, promocións de venda e sorteos con agasallos, ademais de rotular a fronte e os laterais da súa primeira furgoneta coa lenda Chocolates Caldelas. Todo, para subliñar a alta calidade da súa mercancía.

Importancia da fábrica

A fábrica de Chocolates Caldelas foi un elemento de dinamización social non só no termo municipal de Parada de Sil, senón tamén nas zonas de venda do chocolate, como son as comarcas de Lemos, A Limia, Verín, Celanova (ata a fronteira con Portugal), Montederramo e as aldeas da Serra de San Mamede, a comarca de Caldelas e Pobra de Trives.

A súa contribución a facer comunidade manifestábase na implicación de Ricardo na organización de festas e romarías e na colaboración económica, xunto coa achega de chocolate ás actividades sociais doutras aldeas.

A actividade mantívose ata a xubilación de Ricardo, a finais dos anos oitenta, cando as grandes multinacionais do sector se botaron á utilización masiva de sucedáneos para abaratar o produto, logrando ferir de morte as pequenas fábricas familiares, incapaces de facer fronte a tan desigual competencia, que provocou unha inasumible baixada de prezos.

Cesión da Fábrica


O 1 de marzo de 2013, a viúva de Ricardo Casares, Dolores Prieto, e as súas fillas Dolores e Rosa Casares cederon ao Concello de Parada de Sil o inmoble con todos os enseres da antiga fábrica de Chocolates Caldelas para ser destinado á Casa do Chocolate.

Iniciábase así o soño de recuperar para a comunidade e para a historia a relevancia da fábrica de chocolate de Teimende.

Despois da súa rehabilitación, o 30 de maio de 2015 a vella fábrica abriu as súas portas convertida na Casa do Chocolate.


Experiencia na Casa do Chocolate

A colección museográfica Casa do Chocolate de Teimende está integrada no Sistema Galego de Centros Museísticos e inscrita no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia.

É a única Casa do Chocolate de Galicia.

Que vas a coñecer na Casa do Chocolate?

  • 🫘 Os ingredientes — Cal é o principal compoñente do chocolate?
  • ⚙️ O proceso de elaboración — Como se mesturan os ingredientes?
  • 🧰 As máquinas e utensilios — Coñeces algunha ferramenta orixinal?
  • 📜 A documentación histórica — Como chegaba o cacao a Teimende?

Contacto e reservas

Casa do Chocolate de Teimende – Parada de Sil (Ourense)

📧 turismo@paradadesil.es

 

Parada de Sil
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.