- Heráldica
A proposta de escudo que se formulou en marzo de 1988 está relacionada coa presenza histórica do Mosteiro de Santa Cristina que, despois da súa fundación e posterior incorporación a San Estevo de Ribas de Sil no século XVI, pasou a convertirse en priorado deste, constituíndo a súa casa-granxa no lugar de Parada, actual cabeza municipal. Aínda se conserva alí a súa fermosa portada de arco de medio punto e remate artístico que leva un escudo; baixo o timbre aparece unha mitra de abade con seis borlas, que se repite nunha das paredes da casa, e que está organizada en cuarteis que fan alusión ás orixes e historia de Santa Cristina.
Por todo isto, propúxose como escudo heráldico do Concello de Parada de Sil unha réplica exacta dese mesmo escudo, de acordo coa seguinte descripción:
Escudo dividido en catro cuarteis, sendo o primeiro e o último os portadores de nove mitras de ouro sobre campo de sinople, colocadas cinco e catro, respectivamente, en cada cuartel.
O segundo cuartel leva as armas dos Castro, Condes de Lemos: seis roeis de azul, postos 2, 2 e 2, sobre campo de prata.
O terceiro cuartel, en campo de goles, mostra unha palma de ouro, símbolo do martirio de santa Cristina cimada dunha coroa real do mesmo metal.
Ao timbre, coroa real pechada.
Esta proposta foi asinada por D. Francisco Ogando Vázquez, catedrático, académico de Historia e da Lingua Galega e asesor cultural provincial da Consellería de Cultura, e por D. Fernando González Suárez, catedrático e membro do grupo “Francisco de Moure” de Investigación de Arte, na data de marzo de 1988.
Así mesmo, este escudo heráldico foi aprobado segundo o Decreto 563/1990, do 20 de decembro, resolución publicada no Diario Oficial de Galicia do 10 de xaneiro de 1991.