Sábado, 30 Xullo 2022 08:40

CICLO DE CONCERTOS "SANTA CRISTINA IN MUSICA" 2022

 
Un ano máis a música volve resoar nas centenarias pedras do noso mosteiro.
Este 2022 chega cun novo brío e un novo enfoque e nace "Santa Cristina In Musica" para achegar as voces máis exclusivas, os sons máis embriagadores e o repertorio máis selecto da música sacra e profana para crear un auténtico diálogo musical na Ribeira Sacra.
Veña a gozar no mellor escenario posible, coa mellor acústica de Ribeira Sacra... sen aglomeracións... no espectacular templo románico do Mosteiro de Sta. Cristina de Ribas de Sil.

 

SÁBADO 17 SEtEMBRo 2022

Nubas e melodías de al-Ándalus - Iman Kadoussi, voz e percusións & Aziz Sam

 

 

LUGAR: mosteiro de sta. cristina

hora: 19:00 hrs.

PREzO: 15,00€

venda de entradas obrigatorio con antecedencia en: sta. cristina in musica - nubas e melodías de al andalus 

ou ben venda previa na oficina municipal de turismo de parada de sil.

 
Iman Kandoussi, voz e percusións
 
Nada en Tetuán (Marrocos) en 1984, Iman Kandoussi pertence a unha familia profundamente ligada á tradición popular, artística e intelectual do seu país. Aos 10 anos, comezou os estudos de canto arábigo-andaluz e de laúde árabe no Conservatorio Superior de Música de Tetuán. A partir dos 15 anos, cursou técnicas de interpretación con grandes mestres como Amin al Akrami e Hicham Zouibairi, e especializouse no antigo estilo das moaxajas, nos cánticos clásicos árabes e sirios e no repertorio das Nubas da música andalusí. Podemos asegurar que Imán non só posúe unha das voces máis fascinantes do panorama musical mediterráneo, senón que tamén é unha das súas cantantes máis versátiles e sólidas.
Nos últimos anos, participou no Festival Internacional de Tetuán e no concurso musical Nuyúm wa nuyúm (Estrelas e estrelas). Actuou coa Orquesta Andalusí da Cidade de Tetuán baixo a dirección de Mehdi Chaachoo.
Tamén participou no disco do cantaor flamenco Juan Peña “El Lebrijano” Puertas abiertas. Destaca igualmente a súa participación no ciclo de música Mujeres del mundo, no castelo de Santa Catalina (Cádiz) co grupo Estampie, e no festival In Spiritum no salón árabe do Palácio da Bolsa de Oporto (Portugal).
 
Aziz Samsaoui, kanún, ud e saz
 
Aziz Samsaoui naceu en Marrakech (Marrocos). Multi-instrumentista de orientación esencialmente autodidacta e formado no Conservatorio Superior de Música Andalusí de Tetuán, Aziz realizou estudos de laúde e violín andalusí baixo a dirección do mestre Telemsaní e, posteriormente, perfeccionouse con outros mestres, entre eles Mezuak e Amin Al-Akrami.
Formou parte da Orquesta Joven do Conservatorio de Música Andalusí de Tetuán, coa que participou en distintos festivais nacionais e no extranxeiro. Durante tres anos foi profesor de Principios de Música Andalusí no Instituto Juan de la Cierva (Tetuán). O seu interese pola música antiga, étnica e tradicional levouno a progresar nun inesgotable itinerario musical a través de distintos instrumentos de corda (laúde, ud, rebaba, viola, salterio e kanún). En 1999 foi invitado ao Festival de Música Antiga da Universidade de Tartu (Estonia) onde impartiu seminarios sobre estes instrumentos. Participou nos festivais de Santander, Canarias e Granada, no Festival Islâmico de Mértola (Portugal), no Festival In Spiritum (Oporto) e no proxecto europeo Oralidades.
A súa traxectoria artística inclúe colaboracións e gravacións con grupos e intérpretes de diversos estilos musicais como Cinco Siglos, Alía Música, Capella de Ministrers, Estampie, Dufay Colective, Michel Nyman & Orquesta Chekara, Orquesta Filarmónica de Málaga, Enrique Morente, Arcángel, Segundo Falcón, Ana Reverte, Samira Kadiri, Ensemble Andalusí de Tetuán ou Al Andaluz Project. Fixo gravacións para RTVE, Canal Sur e RNE.
Aziz Samsaoui dirixe e produce o MAG, Festival de Música Antigua de Granada, dende a súa primeira edición no ano 2016.

 

SÁBADO 24 SETEMBRo 2022

STABAT MATER DE LUIGI BOCCHERINI - ROSANA ORSINI e JOSE MANUEL DAPENA

 

 

LUGAR: MOSTEIRO DE STA. CRISTINA

HORA: 19:00 HRS.

PREzO: 15,00€

VENdA DE ENTRADAS OBrIGATORIO CON ANTEcedencia EN: STA. CRISTINA IN MUSICA - STABAT MATER

Ou BEN VENdA PREVIA NA OFICINA MUNICIPAL DE TURISMO DE PARADA DE SIL.

 
 
Rosana Orsini, soprano
 
www.rosanaorsini.com
 
Rosana Orsini naceu en Vitória (Brasil). Comezou os estudos musicais de piano para logo dedicarse á arpa e ao canto. Como cantante, actúa regularmente en prestixiosos teatros e festivais internacionais de Brasil, Estados Unidos e Europa.
En 2002 fixo o máster de canto na Manhattan School of Music de Nova York e, dous anos despois, na Royal Academy of Music de Londres. En Nápoles estudou música antiga con Antonio Florio e en León canto barroco con Eduardo López Banzo. Completou o doutoramento en Historia Moderna e Contemporánea na Université Sorbonne de Paris e en musicoloxía na Universidade Nova de Lisboa. A súa tese de doutoramento sobre os teatros históricos brasileiros recibiu a mención “très honorable”.
Interpretou a Zerlina en Don Giovanni, Susanna nas Vodas de Figaro, Despina en Cosí fan tutte, Óscar en Ballo in Maschera de Verdi, Lauretta en Gianni Schicchi de Puccini e Leila en Les Pêcheurs de Perles de Georges Bizet.
En 2012 publicou un libro sobre a Casa da Ópera de Ouro Preto, o máis antigo teatro brasileiro aínda preservado, ademais da obra Estudos sobre o Teatro e a Cenografia em Portugal no século XVIII.
En 2016 gravou xunto ao organista Marco Brescia o CD Angels and Mermaids: religious music in Porto and Santiago de Compostela (Arkhé Music).
En 2017 e 2018 foi convidada como directora artística para a posta en escena das óperas Il Ballo delle Ingrate de Claudio Monteverdi e Vendado es Amor, no es Ciego de José de Nebra, no Festival Internacional de Música Colonial Brasileira e Música Antiga da Universidade Federal de Juiz de Fora (Brasil).
 
José Manuel Dapena, guitarra
 
www.manueldapena.com
 
A crítica especialidada dos Estados Unidos escribiu estes titulares sobre José Manuel Dapena: “un guitarrista de talento e un expoñente artístico da cultura española”, “un concerto perfecto de musicalidade conmovedora”, “un mestre da guitarra clásica” ou "sen dúbida, este debut no Carnegie Hall foi un éxito".
En 2008 debutou no Carnegie Hall de Nova York. Dende ese ano participou en festivais de guitarra de todo o mundo, como os de Chicago, Columbia, Miami, Los Angeles, Indianapolis, Smolensk, Kiiv, Moscova, Québec, Calcuta, Nova Delhi, Rio de Janeiro, São Paulo, México, Bangkok, Tunisia, Tokio, Xangai e Wuhan.
Ten dous CD editados por Air Classical: Rincón mágico: obra completa para guitarra de Joaquín Turina e Al pie de una guitarra: música para guitarra inspirada en la poesía de Miguel Hernández.
Dende os seus estudos elementais do instrumento recibíu clases do guitarrista David Russell, quen influíu de maneira transcendental na súa concepción da guitarra e quen escribiu del: “é un excelente intérprete, cun son redondo e forte, áxil técnica e capaz de crear maxia co seu fraseo musical”.
Foi portada de Classical Guitar Magazine (Reino Unido) e entrevistado para a revista Gendai Guitar (Xapón).
 
Vostede está aquí: Home