Parada de Sil é premiada coa Bandeira Verde de Galicia. Paco Magide, como Tenente alcalde e concelleiro de Cultura e Turismo recolleu o galardón xunto con nove concellos: catro son de Lugo (Alfoz, Mondoñedo, Outeiro de Rei e Sober); tres, da Coruña (Curtis, Ordes e Porto do Son), un, de Ourense (Parada de Sil), e un, de Pontevedra (Moaña).
A entrega da Bandeira Verde celebrouse o pasado mércores 19 de outubro en Outeiro de Rei, onde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, acudiu ao acto, no que destacou a riqueza natural e ambiental como un valor de Galicia e como unha posibilidade económica en alza.
O titular do executivo autonómico encomiou o traballo dos concellos que lograron este distintivo, pois son, dixo, símbolo do coidado da Galicia Verde. Tamén destacou que a creación desta bandeira era un trazo que singularizaba a Galicia fronte a outras comunidades autónomas.
Os municipios que recolleron o galardón foron recoñecidos por traballos de coidado e de mellora de diversos lugares naturais. Trátase dunha convocatoria que organiza a Consellería de Medio Ambiente e na que as actuacións son avaliadas por un comité.
O tenente alcalde de Parada de Sil, Paco Magide, afirma que a consecución da bandeira é en certo xeito un premio a unha estratexia iniciada hai anos, pensada para asentar poboación, coidar a contorna monumental e paisaxística, crear emprego e dinamizar o municipio.
Felicidades Parada de Sil polo galardón e por asentar bases de futuro coidando o noso legado natural e etnográfico!