O Concello de Parada de Sil anima a toda a cidadanía e ás institucións (organizacións, asociacións, empresas, medios de comunicación, etc.) a unirse durante todo o ano e, especialmente, neste día ao rexeitamento contundente á violencia de xénero.
Todos e todas debemos plantarlle cara á violencia machista que empobrece a nosa sociedade. Os malos tratos non son un asunto privado, é un problema social que se combate coa TOLERANCIA CERO ante calquera comportamento machista.
O noso concello, en representación de todas as persoas que conforman o noso municipio, ven condenar neste cartaz calquera tipo de violencia contra a muller, non admitindo ningún tipo de xustificación e expresando a maior das repulsas.
A violencia de xénero constitúe unha secuela de carácter mundial. Un atentado contra os dereitos humanos e a dignidade das persoas, que impide á nosa sociedade continuar avanzando pola senda do benestar e do progreso social que desexamos.
Nos últimos anos, desde todos os ámbitos adoptouse un papel activo para erradicar a violencia que se exerce contra as mulleres, fomentando cantas medidas fosen necesarias para apoiar ás vítimas e atopar unha solución definitiva a este problema, o que supuxo un avance significativo na concienciación e sensibilización social ante este tipo de violencia.
Un esforzo no que debemos seguir insistindo e traballando desde a responsabilidade compartida entre o conxunto da cidadanía e os poderes públicos, poderemos erradicar definitivamente esta terrible lacra social.
Por todo iso Parada de Sil asume o compromiso persoal de loitar contra todo tipo de violencia, denunciando as agresións, apoiando ás vítimas, non permanecendo en silencio ante a violencia e transmitindo ás xeracións futuras o respecto á igualdade de mulleres e homes.
É o noso compromiso social con esta loita, que debe ser conxunta contra calquera acto que atente contra a integridade e dignidade da muller, e defender unha sociedade xusta e igualitaria, na que mulleres e homes podamos participar equilibradamente en todos os ámbitos e tomar conxuntamente as decisións que nos afecten.
Co desexo de que no futuro non haxa ningún motivo para conmemorar o día 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Co convencemento de que non existen barreiras ideolóxicas nin políticas que poñan freo a unha loita común contra a violencia sexista dí conosco:
Non estás soa!
Non te cales: Fala!
Cartaz deseñado por Leticia Rodríguez Álvarez en Parada de Sil 2021