Este ano o día de Parada de Sil na feira será o día 1 de febreiro, xoves, no que terá presenza o concello no acto institucional que terá lugar ás 12,30; rematado o mesmo, veciños e asistentes serán convidados a un pincho no stand do concello, no que a castaña terá un papel protagonista, xa que estará presente na tortilla de patacas, na masa do pan que acompañará ós canapés, así como nas croquetas.
Aproveitando a feira gastronómica e apostando, como xa é habitual, pola posta en valor do patrimonio material e inmaterial, a partires das 12,30 levarase a cabo a presentación aos medios e ó público interesado do documental que leva por título “Alma” e que amosa impresionantes tomas da paisaxe da Ribeira Sacra na zona do mosteiro de Santa Cristina, ensambladas con esceas pertencentes ó proceso de gravación do disco con pezas interpretadas en concertos do ciclo “Sons da Pedra” dentro do mosteiro, no que participaron destacados artistas de fama mundial, que amosaron o seu asombro polas condicións acústicas do recinto.
No stand do Concello de Parada de Sil poderase mercar os viños das tres adegas ubicadas no termo municipal: Ronsel do Sil, Bellaleira e Valcar, castañas secas O Curtiñeiro, Bica tradicional de améndoa e de castaña da Panadería Rosa Sánchez, licor de café e de herbas da adega Icatú, Chocolates Casares do Museo do chocolate e o disco “Sons da terra” gravado no Mosteiro de Santa Cristina.