
España volve ser un referente en diversidade e inclusión en Europa, con varias cidades e pobos destacando na presente edición dos Premios Capitais Europeas da Inclusión e a Diversidade organizados pola Comisión Europea.
Na categoría de localidades de menos de 50.000 habitantes, así como na categoría especial de vivenda inclusiva, Parada de Sil foi preseleccionado como finalista pola Comisión Europea.
O noso concello foi preseleccionado para o Premio Capitais Europeas da Inclusión e a Diversidade 2025. Este recoñecemento destaca o noso compromiso e esforzo por construír unha contorna inclusiva e igualitaria, onde todas as persoas pertenzan e poidan prosperar.
Na categoría de localidades de menos de 50.000 habitantes, recoñecidas polo seu traballo na construción de comunidades máis inclusivas, o noso concello comparte candidatura San Xoán de Río (Ourense), L’Alfàs do Pi (Alacante) e Usurbil (Guipúscoa).
Na categoría especial de vivenda inclusiva, compartimos candidatura con San Xoán de Río, Usurbil e Zaragoza, reafirmando a nosa aposta no desenvolvemento de espazos equitativos.
As localidades galardoadas serán anunciadas na cerimonia de inauguración do Mes Europeo da Diversidade 2025, que terá lugar o vindeiro 29 de abril en Bruxelas.
A comisaria europea de Igualdade, Preparación e Xestión de Crise, Hadja Lahbib, dará comezo oficialmente á campaña deste ano, nun evento que reunirá a representantes de cidades e rexións europeas, responsables políticos e asinantes da Carta da Diversidade.
