O Concello de Parada levará a cabo, o vindeiro 25 de abril, venres, ás 10:00 da mañá, una xornada técnica sobre o espazo da Rede Natura 2000 do Canón do Sil.
O evento servirá para presentar algunhas das actuacións que o consistorio ven realizando nos últimos meses no seu territorio co obxectivo de contribuír á conservación dos seus valores naturais, á mellora do coñecemento do espazo protexido e ao fomento das boas prácticas na súa visita.
Ademais, a xornada será un foro de participación tanto de profesionais especializados na conservación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico como de representantes do sector privado vinculado ao Turismo e de Administracións que contan con competencias de actuación no territorio ligado ao Canón do Sil no Concello de Parada de Sil.
Terán lugar varias presentacións de diferentes especialistas e desenvolverase unha mesa redonda, trala cal ofrecerase a oportunidade de gozar dun pequeno paseo guiado polo espazo da Rede Natura 2000 a cargo de varios dos profesionais participantes.
A entrada é libre e gratuíta pero é preciso inscribirse para participar no paseo, por cuestións de seguridade. A inscrición realízase a través dun formulario accesible na seguinte ligazón: https://cvpvr9l44d4.typeform.com/to/CrBPaqMs
Esta xornada organízase no marco das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede Natura 2000 de Galicia, financiados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), dentro do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia.