.
Martes, 02 Xuño 2020 10:54

A PALENTINA ENCARNA RUÍZ GAÑA O CONCURSO DE MICRORRELATOS “RIBEIRA SACRA-PARADA DE SIL” IMPÓNDOSE A MÁIS DUN MILLEIRO DE PARTICIPANTES

A palentina Encarna Ruíz Rodríguez, co traballo “Una vida de película”, é a gañadora da oitava edición do Concurso de Microrrelatos “Ribeira Sacra-Parada de Sil”, cunha dotación en metálico de 1.000 euros. O certame contou cunha participación récord con 1.044 traballos presentados a concurso, que certifican a consolidación do certame no panorama literario. Esta avalancha de relatos requeriu un esforzo extra por parte do xurado encargado de avalialos. Como é habitual, o responsable do equipo calificador foi o profesor e escritor Antonio Carreño, catedrático emérito da Brown University e fillo predilecto de Parada de Sil, de onde é orixinario. Os outros dous integrantes, tamén membros habituais neste labor crucial do certame, foron Arturo Fernández, catedrático de Lingua e ex director do Instituto Otero Pedrayo; e Delfín Caseiro, inspector de Educación e escritor. Para os tres, tuvo palabras de agradecemento o alcalde de Parada, Aquilino Domínguez, subliñando “o traballo e o rigor empregado, que é fundamental para que o concurso de microrrelatos teña acadado o prestixio do que goza, a pesares da sua curta existencia”.

O segundo e o terceiro premios quedáronse en Galicia, recaendo en Nones Araújo Fernández, de Vigo, co traballo titulado “A preñez desiguala” -escrito en galego-, a quen lle corresponde unha dotación de 500 euros, e na coruñesa Siddharta Álvarez Sánchez, co texto “Café solo”, respectivamente, que recibirá unha compensación de 300 euros.

Aparte do alto número de microrrelatos presentados, cabe salientar a procedencia heteroxénea dos mesmos, que abranguen a todos os territorios do Estado español, boa parte dos países de América -sobresae Arxentina con cerca de 50 participantes-, dende Ecuador, Colombia, Cuba, Venezuela, Canadá ou Estados Unidos, entre outros. Tamén de países europeos e incluso de Israel.

Neste senso, o alcalde insiste na importancia do que significa esta alta participación, “polo que ten de estímulo da escritura para a xente do mundo literario, así como para os novos valores da narración. Tamén -afirma Aquilino Domínguez- como un dos vehículos para espallar os valores da Ribeira Sacra e o que significa e, nomeadamente os de Parada de Sil”. Abunda sobre o particular o concelleiro de Cultura, Francisco Magide, dicindo que “a alta participación e a calidade dos traballos presentados  supoñen tamén un respaldo claro á aposta do concello pola cultura e os recursos naturais, artísticos e monumentais da nosa terra”.

A ceremonia de entrega de premios farase previa comunicación ós interesados, o non poder celebrarse  o acto no que estaba previsto, como é tradicional.

Vostede está aquí: Home Máis novas e eventos Novas A PALENTINA ENCARNA RUÍZ GAÑA O CONCURSO DE MICRORRELATOS “RIBEIRA SACRA-PARADA DE SIL” IMPÓNDOSE A MÁIS DUN MILLEIRO DE PARTICIPANTES