.
Mércores, 28 Xullo 2021 11:09

INAUGÚRASE O BUS-LANZADEIRA DENDE PARADA DE SIL AO MOSTEIRO DE STA. CRISTINA

    
 
O Mosteiro de Sta. Cristina acollía na tarde deste 27 de xullo a presentación do servizo de bus lanzadeira de acceso dende Parada de Sil ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. Trátase dunha iniciativa coa que se pretende reducir o tráfico privado para preservar a contorna natural e que forma parte do Plan de Sostibilidade Turística, que promove o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. En concreto esta medida está enmarcada no eixo estratéxico “Transporte Público Sostible”.
 
O bus lanzadeira pretende evitar que o incremento da demanda turística xere un impacto crecente sobre o territorio. Esta liña de transporte público ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil fará o seu percorrido de mércores a domingo, con frecuencias e prezos atractivos e con efecto disuasorio cara o uso do vehículo privado.
 
Esta presentación contaba coa presenza do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, que estaba acompañado polo alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez; polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; e polo presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández, entre outras autoridades. Todos coincidían en que o que hoxe se presentaba, a carón dunha das xoias do románico da Ribeira Sacra, “é moito máis que un servizo de transporte”.
 
O rexedor de Parada de Sil expresaba o seu agradecemento e indicaba na súa intervención como este Concello vén apostando dende hai anos pola sostibilidade e que esta aposta concreta da lanzadeira constituía unha reafirmación nesa liña tanto para o desenvolvemento do turismo como do respecto ao medio ambiente e, nese senso, lanzaba a idea de incorporar un autobús eléctrico.
 
O Plan de Sustentabilidade Turística na Ribeira Sacra suporá un investimento de 1,8M € neste territorio, dos que a Xunta fai unha achega de 850.000 euros. O resto do investimento corre a cargo da Secretaría de Estado de Turismo e do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. Este programa permitirá levar adiante un conxunto de actuacións co obxectivo de garantir a sustentabilidade ambiental, económica e social no proceso de consolidación da Ribeira Sacra como destino turístico.
 
 
Vostede está aquí: Home Máis novas e eventos Novas INAUGÚRASE O BUS-LANZADEIRA DENDE PARADA DE SIL AO MOSTEIRO DE STA. CRISTINA