
Nas alturas ventosas de Cabeza de Meda, por riba dos canóns da Ribeira Sacra, un par de pozos de neve conservan a memoria dunha actividade económica xa extinguida: o comercio do frío. Estas neveiras sitúanse a 1.122 metros de altitude, na cabeceira dunha vagoada elevada e fría, condicións que favorecían a acumulación e conservación da neve. Segundo un documento do Cabido da Catedral de Ourense de 1667, as neveiras do Monte Meda e a cidade das burgas distaban unhas «catro leguas» (uns 22 quilómetros aproximadamente).
As neveiras son grandes estruturas de forma cilíndrica, escavadas artificialmente no terreo. As dúas que se conservan xuntas no concello de Parada de Sil tiñan orixinalmente planta circular, entre cinco e seis metros de diámetro e unha fondura de entre 3 e 4 metros baixo o nivel do chan. Os seus muros están construídos con bloques de granito de aparello irregular, aproveitando a capacidade illante do solo e a estabilidade térmica da pedra. Tamén se conservan elementos asociados ao sistema, como muros de peche e foxos perimetrais para evitar que as cabras subisen á cuberta e estragasen as tellas que, con frecuencia, protexían a súa teitume. A localización das neveiras non era casual, senón que respondía a criterios ambientais e funcionais. Ademais de situarse en serras ou cordais elevadas, estes pozos erguíanse con frecuencia en paraxes de montaña orientadas ao norte, para fuxir da radiación solar e favorecer a conservación da neve que cae nos neveiros ou ventisqueiros, isto é, nas depresións naturais da montaña onde as condicións de conservación da neve son máis propicias. Co desenvolvemento do comercio da neve entre os séculos XVI e XVIII, a documentación empeza a rexistrar unha nova acepción de neveiro, que pasa a designar tamén a persoa que vende neve ou que explota ou é arrendataria dunha neveira propiedade dun terceiro. É o caso do neveiro Pedro Cachalvite, que foi rendeiro da neveira do Cabido da Catedral de Ourense a mediados do século XVIII.
A neve recollíase durante a invernía e acumulábase no interior destes pozos en capas alternas de neve e materia vexetal, como fentos, palla ou piornos. A compactación da neve mediante pisóns e o illamento proporcionado pola estrutura contribuían a retardar o desxeo. Estas neveiras posuían dúas aberturas diferenciadas, unha pequena para cargar a neve durante o inverno, situada na cota superior do pozo, e unha porta para acceder ao seu interior durante o verán no momento de baleirala, localizada nunha cota inferior.
González García (1999) infórmanos que preto da neveira da catedral de Ourense, situada no concello veciño de Xunqueira, «estaba o pozo da cidade, que ao parecer nin era tan amplo, nin estaba tan atendido e coidado como o do Cabido»; ademais tamén estaban alí «algúns outros [pozos] de mosteiros e acaso de particulares e desde logo o do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo».
As neveiras de Cabeza de Meda son a pegada material dunha actividade que conectaba as montañas da Ribeira Sacra coa demanda de neve das cidades, dos mosteiros e da nobreza. Nestas estruturas, a neve recollida durante o inverno convertíase nun produto que podía almacenarse e comercializarse nos meses cálidos, grazas ao coñecemento das condicións naturais e ás técnicas de conservación da época. Hoxe, os pozos e as construcións asociadas permiten recuperar a memoria dun comercio desaparecido e comprender como, moito antes da refrixeración mecánica, o frío tamén formaba parte da economía e da vida cotiá.